Temas

Auriculares inalámbricos. Que teñen de especial?

27/09/2021 · Tecnoloxía

Dende hai uns anos estase xeneralizando o emprego de auriculares inalámbricos con tecnoloxía bluetooth. O principal motivo é a comodidade que ofrece non depender de cables para o seu uso, eses cables que tantas veces se enredan ca roupa, cas bufandas ou co propio pelo. Pero ademais, esta modalidade de auriculares ofrece unha tecnoloxía que fai aumentar a calidade do que escoitamos: a cancelación de ruído. Que significa isto exactamente? Un sistema que cancela os ruídos externos, os ruídos do ambiente no que nos atopemos en cada momento, para que non interfiran co que estamos a escoitar.

Isto, ademais de potenciar a calidade da nosa música ou dos nosos podcast, o que nos permite é reducir os niveis de volume, dado que de por si xa nos está a ofrecer un son nítido e de calidade. 

O seu funcionamento consiste na emisión de ondas acústicas inversas que bloquean os sons do exterior. Ademais, este tipo de auriculares fai aumentar a direccionalidade do que escoitamos, evitando así que outras persoas do entorno se vexan afectadas pola nosa práctica. 

O abuso no emprego de auriculares segue constituíndo un risco para a saúde

Pero, como ocorre con todo, un mal uso destes dispositivos pode supoñer graves problemas para a nosa saúde. O emprego continuado de auriculares a un nivel sonoro moi elevado (por riba dos 110 dBs) pode concluír en problemas auditivos que, de non tratar a tempo, poden ir empeorando ata volverse irreversibles. Se somos consumidores habituais deste tipo de aparellos temos que estar moi pendentes da nosa audición porque na maioría dos casos os danos comezan de forma moi gradual e non somos conscientes deles ata que se agravan. 

Como empregar os auriculares de forma segura

  1. Controlar o nivel de volume dos dispositivos: adóitase recomendar un consumo de música ó 60% do nivel de volume máximo que pode alcanzar o dispositivo. Se falamos dos smartphones máis actuais teremos que ter aínda máis coidado posto que poden superar os 110 dBs, lembremos, o máximo recomendado.
  2. Limitar o tempo de escoita: nunca deberemos superar os 60 minutos seguidos. Os nosos oídos precisan descansar para poder soportar outra sesión.
  3. Auriculares de diadema: o seu emprego sempre será mellor que o dos auriculares que se introducen nos oídos posto que o son non incide dunha forma tan directa.
  4. Non compartir os auriculares con outras persoas: son un obxecto moi persoal que está en contacto co noso corpo. En caso de empregar os auriculares de terceiras persoas estarémonos expoñendo a infeccións provocadas por bacterias acumuladas.
  5. Por último, se soes empregar auriculares no teu día a día, é moi recomendable que realices probas auditivas de forma periódica que te poidan alertar de calquera anomalía para poder atallala canto antes. 

¡Compártelo!